luns, 25 de marzo de 2019

PUNTO CORRECTO PARA ENSAIAR A PRIMAVERA

O Marcador de FERROL É RACING.

Táboas no partidazo... que non foi tal. Para min (é só unha opinión) é complicado ver un xenuino partido de fútbol en herba artificial. Dous terzos do mesmo son botes e rebotes, disputas interminábeis, rexeites e demais figuras características. Claro que os contendentes reunían argumentos para lucirse e dar brillo á fresca mais despexada tarde carballesa. Argumentos e baixas, sobre todo o diezmado Racing, que máis que enfermaría é hospital do Sergas. 
Entre grandes semellaba cantado un empate de forzas. Por prudencia, por medo a arriscar demasiado. O Bergantiños puxo máis carne no 1º tempo e ao Racing tocoulle mirar e protexer. No 2º período caeu o fútbol e a cousa pasou a ser unha sucesión de minutos sen salsa, sen pan para mollar, con tanto balón polo aire e tanta perna levantada nun palmo de terreo. Bergantiños restou bagaxe e Racing ganou confort, pero sen cubrir méritos para ganar.  

O once do Racing de Ferrol en As Eiroas onte á tarde. (foto: Basilio Bello)

O Bergantiños escenificou unha tarde máis propia de fase de ascenso que de liga regular na lide de As Eiroas. Camións formigoneiras con bandeiras vermellas dándolle ás bucinas toda a tarde, homenaxe ao socio nº 1 como fixera tamén co gallo da visita do Racing de Ferrol na liga 2012/13, ambiente das altas solemnidades,... Só faltaron os goles, claro. Segundo e primeiro da táboa usaron as súas armas, feridos polas baixas, especialmente os ferroláns, e acabaron dando por bo o empate. Ao Bergantiños faltoulle resolver e ao Racing ser máis presencial, e insistente. Iso si, repartiron tempos de dominio e ocasións para dar disgustos a Chema e a Cristopher. Aínda que fixo máis o cadro dos ex verdes Borja Facal, Roberto Baleato e Steve Ekedi. Que para iso era o local.
O empate foi xusto e comprime a cabeza até a xaqueca, porque o Compostela se deu unha festa previsíbel ante o virtualmente descendido Porriño Industrial e xa bufa nas calugas de racinguistas e carballeses mentres estes se movían ao compás das bucinas. Nove tiradas por diante quedan non aptas para cardíacos na loita polo título. Que é cousa de tres, con permiso da UD Ourense.

Pau Bosch volveu a traballar ben na parcela ancha. (foto: Basilio Bello)

Coa baixa do saviñao Fer Beltrán, enésima na páxina clínica do Racing 2018/19, Emilio Larraz tivo que ir literalmente co posto ao polígono industrial de Bértoa. O equipo xuvenil, goleado en Abegondo o sábado pero conservando 4 puntos de "colchón" coa zona negra a dúas xornadas para terminar a liga na División de Honra, volveu a ser a despensa. Convocou o míster zaragozano unha nova rolada de rapaces, co fillo de Manel incluído, e xa son once os canteiráns usados nas convocatorias para paliar tanta mancadura, tanta demora na recuperación, tanta curtidade de plantel. Ninguén pode negar que, así e todo, o Racing resiste e mantén o tipo como poucos ante un panorama tan desafortunado e bizarro. Polo menos reapareceu Joel. Pero a cola en espera segue a ser longa... E para algúns a temporada está finished. E os xuvenís non xogan. Só ocupan espazo no banco. Hai que fichar no "mercado de marzo". Porque a este paso van ter que xogar os afeccionados.
Primeiro tempo de ton vermello en Bértoa. Non estaba Rubén Rivera para clarificar e xestionar o labor creativo dos de casa pero Cano deu que falar coa súa incisiva disposición. O Bergantiños é un gran equipo desta categoría. Gustoume infinitamente máis que na Malata. Claro, As Eiroas é outra historia... O conxunto de José Miguel Figueira puxo a proba a Chema, que salvou algunha acción complicada. O santiagués xa leva 201 minutos sen recibir goles. Está a traballar ben.
O partido non escatimou en botes do balón, moitas pernas levantadas, disputas aéreas, e moito barullo. Mentras miraba o partido vía os videos que subía o Bergantiños á súa conta de Twitter e tiven claro que se os poñesen en branco e negro non serían moi diferentes a esas entrañábeis e pioneiras filmacións da liga inglesa de hai 120 anos. Todos disputando un balón sempre moi vivo, sen demasiados espazos e con escasa apertura. Claro que o partido non só foi iso. Observamos a pé de baranda a un Bergantiños motivado polo ilustre hóspede que tiña. Crecido polo ambiente especial. Entregado polo perfil transcendente do partido, con tres puntos fundamentais. E miramos a un Racing de circunstancias (ou non tanto, porque xogou o 90% dos de sempre), que está procesando con dignidade esta etapa de partidos claves contra rivais directos disimulando como pode a súa praga de velutina particular.
O segundo tempo da festa de Carballo non variou demasiado pero o asunto foi menos intenso, menos divertido. O Bergantiños foi perdendo fol, ou claridade, porque o Racing apretou unha ou dúas torcas. Non lle permitiu tantas licenzas nin concesións. No cadro ferrolán o centro do campo se puxo a protexer balón e zonas sensíbeis e a solidariedade deu o seu froito. Foi máis Racing control, con lectura de partido máis panorámica. Pasou a ter máis a pelota o equipo da Plymouth española e a manter a raia aos homes máis perigosos do equipo local. Pero até aí, porque o de sermos contundentes ante a meta local quedou para outro día. Os de Larraz, sen trocos (algo que non pasaba no Racing dende a derradeira xornada da liga regular de 1991/92 como adiantei hai horas aquí), pecharon o partido asegurando un punto que sabe a moito polos méritos contraídos por uns e outros. E serve para levarse o "goal-average" particular, que será moi importante no remate da liga regular. Creo que nos podemos dar por satisfeitos. Foi un punto técnico, estratéxico. Correcto.

luns, 18 de marzo de 2019

RECUPERANDO A EMISIÓN

O Marcador de FERROL É RACING.

O Racing de Ferrol puxo fin á inquietante deriva na que se estaba a meter (catro xornadas sen vitorias) vencendo sen apuros a un Arosa, o de Rafa Sáez, moi inocente en ataque e moi fallón en defensa. Pouco que ver co Arosa do partido da 1ª volta, en A Lomba. O cadro vilagarcián reduce moito as súas opcións de entrar na FA3 con esta avultada derrota. O equipo de Emilio Larraz reconquista o liderado (grazas ao picazo de Bergantiños en Ribadumia) e gana crédito tras un excelente primeiro tempo que, iso si, sen a continuidade desexada no segundo, foi a base fundamental para controlar e ganar con rotundidade e merecemento.
Os verdes afrontaron o partido, como sempre, con baixas. A este paso vai entrar todo o plantel xuvenil nas convocatorias do 1º equipo! Un cadro, o de Manel Fernández Anidos, que o sábado deu un paso case decisivo para asegurar a permanencia na División de Honra, por certo. Volvendo cos de Larraz, amosaron unhas enormes ganas nos primeiros 45 minutos. Toneladas de actitude. Sentido do xogo. A marcha ao máximo. Sen concesións a un rival que presume de contar co máximo realizador da Terceira galega. O Racing deixouse de paredes e retencións e foi directo á porta arousá. Así queremos ao Racing. Controlando, mandando e, sobre todo, lanzándose polo partido. Os verde botella terminaron case sempre as xogadas. Tiraron a porta canto puideron. Pisaron a área sen medo e con intención. Imperial Adrián Armental polo lado dereito. Juan Antonio máis centrado na xeografía do campo e un chisco mellor coordinado cun Joselu moi traballador. Outro imperial foi Pau Bosch, sempre coa vasoira lista para limpar e defender na zona ancha nun alarde de concentración, colocación e solidario empeño. O Racing do 1º tempo saeu coas torcas apretadas. Co corazón no peito e a cabeza no seu sitio, como pedimos días atrás. Coa mentalidade ofensiva ao descuberto. Cos pes prestos para cortar, recuperar e dar pases adiante. 
Con ese menú sería inxusto chegar ao descanso sen goles. Marcou Juan Antonio pouco antes da media hora e un chisco despois do primeiro tanto inválido da tarde, obra de Joselu. O Arosa resultou moi simple, e non aproveitou os momentos nos que o Racing cedía balón e algúns metros para coller carreira. As súas exploracións ofensivas eran pases lonxanos á "estrela" Sylla sen maior suceso.
No segundo período a expulsión de Pacheco por unha entrada a Pablo Rey e o tanto de Garrido, sacando tallada a un rexeite defensivo, orientaron o partido cara unha vitoria case segura para os nosos. O Racing aguantaba como podía as faltas contínuas dos branco-vermellos e optou polo fútbol control, tocando (ás veces en exceso) e deixando pasar os minutos. Elaboracións simplificadas, iso si, saldadas con centros ou pases para meter medo á defensa visitante. Non me gustou tanto o Racing do 2º tempo, máis conservador, con menos actitude, pero confiado das súas posibilidades. E co 2-0 e a superioridade numérica que tiña, máis. Quedou en anécdota o tiro á trabe (dise trabe, non "longueiro", amigos galegos de Futbolme) de Sylla. Pero foi a evidencia de que o Racing perdera intensidade e reproducía a síndrome dos segundos tempos. Iso é algo a erradicar. O Arosa topou, iso si, cunha retagarda ferrolá sobria e cómoda, e Chema, que debutaba como titular baixo os paus, se encargaba de alonxar aos seus compañeiros da cova para sacar en longo.
Os dous tantos de Pablo Rey a dez minutos do remate serviron para engordar un triunfo cantado. Un deles de penalti, como réplica ás (xustas) queixas do presidente Criado de hai uns días. E serviron tamén para que o loiro capitán se sitúe a só tres dianas de empatar con Alejandro Mariño, Pazolo como máximo realizador absoluto na historia racinguista. 
O mellor da xélida tarde á beira do Sardina non foi o 4-0. Tampouco a arbitraxe. O mellor foi que o Racing recuperou o espírito e a mentalidade perdidos. A emisión de sensacións. O labor do 1º tempo é o camiño. Esa actitude, esa posta en escena. Esa verticalidade. Esas ganas xenuinas de agradar e de ganar. 
En Carballo, primeira das super finais do que resta da liga regular.  Feudo onde demostrar que somos e queremos seguir sendo os primeiros. Bergantiños-Racing. Sen palabras.

luns, 11 de marzo de 2019

O RACING CAE NO "BOQUETE"

O Marcador de FERROL É RACING.

Non se pode negar que o partido no Estadio Vero Boquete de San Lázaro foi emocionante. Creo que foi Yago Iglesias, técnico do Compostela, o que o calificou de encontro con arrecendo de play-off. Faltou a habitual calor desas datas, quizais. Choque das alturas o de onte cun cadro, o picheleiro, en alza, e outro, o ártabro (outros dirían naval) á baixa. Ganou o partido o Compostela. Xustamente. Nin vou entrar nas xogadas polémicas que non foron tales (non foi penalti o que supuxo o 2-1, certamente). Ganou o partido, digo, e tamén a partida. Nun encontro que acabou sendo de infarto, cun Racing de Ferrol que levantou un abracadabrante 4-1 adverso para colocar un 4-3 a oito minutos do final con tantos de Juan Antonio e mesmo Villarejo; os locais souberon obstruír aos nosos con presión onde e cando se necesitaba e co estado de graza dalgúns dos seus homes, en particular o eumés Álex Ares, trigoleador da tarde en San Lázaro. Traballo sacrificado dos locais ante un Racing coa faísca mollada. Coas ideas secas. Coas forzas xustas. Partido de idas e voltas pero con perfil local. O corazón é unha parte importante do corpo humano, pero ten que haber máis cousas cando se entrega no fútbol: rebeldía, descaro, impulso, electricidade, mordente, insistencia. Non foi así. Volveu a pasar o das últimas semanas. Rival que dá caña moito e ben, que non lle permite aos da Sheffield española posuír o balón para sobalo; rival que desnuda as carencias, e quero empezar a dicir carencias, dun equipo, o Racing, que se esqueceu de ser poderoso. E estáncase. Con centro de campo con andamios e albaneis sen convenio colectivo. (Falta poder e falta creación aí, señorías. Falta quen marque verdadeiras diferenzas). Con retagarda demasiado retrasada e outra volta claramente vulnerábel. Coas dúas "torres", e non as de Barad-dûr e Isengard precisamente, desnutridas, episódicas, de arbitrario balance. Joselu intentouno dende o principio. Juan Antonio por fin logrou marcar cando no encontro soaba O ocaso dos deuses, de Wagner, e todo era épica. Non vía porta o sevillano dende o 13 de xaneiro, que lle saltaran os plomos da tanto marcar. Agardemos que non teña que esperar outro mes e pico.
O equipo non perdeu a vontade. Mesmo amosa propósitos. E relampos de bo facer. Iso é certo, e onte tamén. Pero xa non é abondo. O Racing non ten segredos para ninguén nesta categoría, os puntos cada vez valen máis e o que non corre zoupa. Ou despertamos polo civil ou despertamos polo criminal. Estamos a un punto do liderado. Pero estamos máis dun punto por debaixo do que tiñamos que amosar, a estas alturas, nos partidos.

O cadro esmeralda viviu a primeira etapa do que moitos titularon o ascenso ao seu Tourmalet particular. O mes no que andamos vai ser duro, moi duro para un equipo, o de Emilio Larraz, tomado por unha epidemia de mancaduras e por un rechamante desvarío ao que hai que poñerlle freo xa. O Racing non foi vítima da arbitraxe. Ao Racing non lle persegue a mala sorte. A Ferrol quizais, pero ao Racing non. O equipo leva mes e medio parsimonioso, pachorrento, e coa brúxula averiada. Atormentado polas lesións (Diego Rivas súbese ao carro, aínda que esperemos non sexa nada importante o que propiciou o debut de Chema). Apirolado por presumir de orzamento pero contando cun plantel reducido. Cun Larraz que tras o partido non estivo excesivamente feliz na súa explicación do partido. As dúbidas e a necesidade de atopar solucións poñen a proba a indubidábel seriedade e capacidade de traballo do zaragozano. Mais os futbolistas tamén terán moito que dicir, e facer, nas vindeiras xornadas. Moitísimo.
Catro tiradas son as que van sen vencer, con cada vez menos fútbol solvente... E un boquete. O defensivo. Dez goles recibidos nelas. Pero o problema actual deste cambiante e estraño Racing en crise, no que todo vai ben de luns a sábado, non é só defensivo. É estrutural. Pelexar na Cuarta, aspirar a sermos campións e logo ter a sorte de ascender require un gran esforzo de xestión e ter un plantel o suficientemente amplo. Ou senón, redobrar o traballo semanal. Nesta categoría, que en Inglaterra chaman League Two e enche campos, ou case, négome a tragar con segundo que cousas.

A película do partido no estadio compostelano xa a coñecen. Abría cedo o melón Aythami Perera, respondía Adrián Armental ao pouco de iniciarse o segundo tempo e logo apareceu Álex Ares para montarse o seu show particular. O terceiro gol foi especialmente fermoso. O Racing camiñaba máis que corría. Os seus tiros e presenzas na área rival eran delicadamente escasos. E febles. O Compostela foi muro e foi encoro aberto cando a ocasión o pedía. E soubo quitarlle a pelota aos verdes. E non darlles moitas opcións polo exterior (pese ao cal, Adrián fixo un bo partido). Sufriu no treito final, no que o Racing se lanzou a tomba aberta, con fútbol directo e indirecto, con patadóns e centros, con tiros e co que fixese falla. Mesmo soñamos durante uns minutos coa proeza de alcanzar o empate a catro cando fixo o terceiro maese Villarejo. Pero non. Esas cousas só pasan nas películas con bos guións e xeniais interpretacións.

Partido bonito, interesante, emocionante ao final. O Compostela, que non me gustara nada na primeira volta, creo que é agora mesmo o máis en forma dos galos da táboa. Unha táboa que reduce distancias. Os branco-celestes poden aspirar agora a seren primeiros. O Bergantiños non come a ninguén (pero segue aí arriba) e o Racing ultimamente está coa dieta da alcachofa. O mesmo que a UD Ourense, que recibiu unha malleira do inefábel Paiosaco-Hierros Añón. 
Ábrese o abano outra volta. A liga ganará en emocións. E sorpresas. Urxe que o Racing atope o camiño de regreso á normalidade. Porque o tráfico empeza a ser intenso.

domingo, 3 de marzo de 2019

VARIACIÓNS SOBRE O MESMO TEMA

O Marcador de FERROL É RACING.
Confío en Emilio Larraz. Pero creo que este mal momento polo que pasa o Racing, tres xornadas sen ganar, pouco fútbol e sensacións minguantes, necesita unha reactivación, precisa forza, require moito máis que diván e propósitos de enmenda en roldas de prensa. Aburrinme esta tarde. Como unha ostra. Vin ao meu equipo sen forzas nin ideas para completar o marcador. Vin aos verdes irse abaixo no segundo tempo (e non é a primeira vez). Vulgarizar as súas evolucións no campo. Vin un clamoroso desorde, un uso e abuso da posesión a 50 metros da portería rival. Vin a un equipo reservón, como con medo a perder. Ou canso. Ou falto de convicción. Un equipo que pensa que con ter a pelota xa está arranxado todo. Que non desborda, que non acerta, que non é insistente. Non é pasota nin acomodado. Pero si lle fai falla electricidade. Espabilina. O Racing durmiu demasiado ante os laracheses. E, cando despertou, o Paiosaco, incribelmente, xa ía por diante no marcador. O Racing conformábase con pouco. O Paiosaco ganaba con case nada. A intensidade, as presas, que lles viñeron aos de Larraz nos últimos compases do partido trouxeron o premio dun gol. Pero esa intensidade había que amosala moitísimo antes. Os partidos hai que traballalos e terminalos. E ao Racing xa non lle vale coa simple presenza no campo. Ten que dar moito máis.
O conxunto da Detroit española aplica a lei do mínimo esforzo no campo. Síntoo, pero non acepto máis milongas semanais. A 3 de marzo este equipo alónxase das sensacións que ten que dar un líder e futuríbel campión. O Racing non anda ben. Non brilla. Non emociona. Hai futbolistas que cada vez aportan menos. Non quero dar nomes. E outros non logran traducir as súas ganas en acertos. O Racing pide a berros máis equipo, máis tensión. Falta poderío. Liderado no centro do campo. Referencias irreprochábeis arriba. Joselu e Juan Antonio non acaban de sintonizar. O sevillano pululou máis que outra cousa esta tarde. Joselu é discontínuo. Certos futbolistas teñen que animar aos compañeiros á loita. Hai que demostrar fame de balón. Querer ser perigosos nas áreas contrarias.
Ten moitas virtudes este Racing. Pero carece dun xenuino espírito loitador. Sei que isto pode resultar escandaloso dicilo. Pero para ganar partidos hai que pelexar con todas as forzas durante 90 minutos. Hai que tirar a porta mil veces se é preciso. Hai que deixarse de tanta técnica, de tanto toque, de tanta parede, de tanto cociñar e cociñar a xogada para logo frearse, perdela ou non tirar. Hai que estar concentrados en todo momento. Ser grupo coas cinco letras. Para defender, para roubar, para presionar, para atacar. Hai que demostrar que somos o Racing, candidato a ser campión e aspirante a ascender. Demostrarlo no campo. Noutros sitios non nos interesa. 
O equipo evadiuse ante o Paiosaco. Diluiuse minuto a minuto como un terrón de azucre baixo a choiva a raíz do tanto de Joel. A mancadura de Javi Rey (vaia fatalidade a súa!) non trastocou nada. O centro do campo ferrolán segue a ser un cabalo de batalla. 
Ten moito que mellorar este Racing. Digámolo clariño. Non estamos xogando a case nada nesta segunda volta. E así malamente se poden ganar partidos. Xogando a defender, de costas á porta contraria e lonxe dela, atropeladamente; imos pasalo mal para sermos campións. E dicir isto non é unha cuestión de restarlle respecto ao equipo. É o equipo o que ten que respectar á súa afección. Na Malata hai que dalo todo os noventa minutos. Non hai excusas. E menos ante equipos cuxos futbolistas xa quixeran vivir só do fútbol e cobrar o que cobran moitos dos racinguistas. Non é admisíbel que un cadro case amateur estivera a piques de ganar simplemente por estarmos durmidos durante máis da metade do partido. Simplemente por iso.
Como a todos os afeccionados racinguistas, a min o único que me importa nesta temporada é ascender. Dame igual o camiño a seguir para logralo. Pero unha cousa é clara. Así non imos a ningures. Busquemos solucións a este momento malo no que estamos e recuperemos a solidez e a capacidade para obter resultados positivos.

domingo, 24 de febreiro de 2019

O RACING ESPIÑOUSE NA SILVA

O Marcador de FERROL É RACING.

Acabou o confort. O Racing de Ferrol foi a Agrela a buscar moras pero non é tempo de moras. Levouse as espiñas das silvas nun mediodía futbolístico de sol, de idas e voltas, de ocasións, de goles, de expulsións e dun bo ambiente no stand do Rodrigo García Vizoso. Claro, a entrada era gratis.
No inmenso polígono industrial coruñés o equipo ferrolán non atopou acougo. O céspede artificial, as medidas tirando a pequenas e, sobre todo, a pelexa e o acerto dos homes de Javier Bardanca á hora de aproveitar as ocasións; fixéronlle voltar de baleiro. E dende hai dúas horas perder o liderado.
Dezasete xornadas sen perder atoparon a súa conclusión hoxe. Algunha vez tiña que ser. Ou non. Porque o Racing non anda fino nas últimas tiradas. No que levamos de 2ª volta estamos amosando unhas sensacións parecidas (só parecidas!) ás primeiras seis da 1ª. Tan só dous triunfos. E se estivemos sete xornadas sen recibir goles (aí quedou a marca de dimensión estatal de Diego Rivas) nos últimos cinco encontros levamos seis. Estatística pura e simple. Ou algo máis.
Non nos perdamos. Toca reactivarse. Pero de verdade. Perder ante o Silva non é unha catástrofe pero é a partir de agora cando máis necesita o Racing estar a tope ante o que se aveciña. Despois da visita do Paiosaco xa saben o que nos espera nas seguintes semanas: Compostela, Arosa, Bergantiños, UD Ourense, Barco... 
Na Coruña os de Emilio Larraz si foron de maneira xenuina polo triunfo, e si crearon ocasións. Puideron ollalo os que viaxaron onde ninguén é forasteiro e poden miralo nas crónicas. Pero a circunstancial tibieza defensiva e o desacerto ante a porta rival teñen un prezo. Perdoar sempre se paga por moi líder que se sexa. Os verdes demostraron capacidade de reacción. Pero cando mellor xogaban chegaban os goles locais. Na caída do 1º tempo, a raíz do empate de Joselu e nos compases finais. Ti cres que dominas, eu vexo que chegas, pero eu marco e gano. Non é inxustiza. É fútbol.
Partido sen espazo físico e sen espazo para as meditacións. O Silva xa demostrara na Copa Deputación que é máis complicado do que parece. Campos como o de Agrela-1 non permiten un fútbol temperado. Aquí hai que abrir como sexa o xogo e correr e loitar cada balón, raquetazo a raquetazo. O balón está aquí e acó e os rexeites, os despexes e as disputas por todo o alto fan que este tipo de matches sexan sempre moi vivos. Nesa partida, neses condicionantes, ganou o Silva. Só por estar máis acertado. 
Toca pensar no Paiosaco e recuperar frescuras e solvencias en parte deturpadas. O Racing está ben pero non vai ben. A liga exixe e concede licenzas. Non é unha traxedia perder. Pero é mellor seguir aprendendo os misterios desta categoría para non repetir erros. 

domingo, 17 de febreiro de 2019

O ALONDRAS APAGA AO RACING

O Marcador de FERROL É RACING.

Empate xusto entre Racing de Ferrol e Alondras. A choiva mollou o partido pero o que fixo verdadeiras augas foi o cadro verde. Os nosos foron luz na tarde invernal no 1º tempo e escuridade no 2º. Desconcertante. Coleccionaron ocasións de gol moi contentos de gustárense. Marcaron por medio dun Joselu metidísimo no partido... e logo nada. No segundo tempo o equipo de Emilio Larraz foi unha caricatura. Metido atrás, defendendo con todo, sen resposta, sen saída, sen ideas. A aguantar a vantaxe. E o rival, un dos mellores que levamos ollado nesta liga, soubo sacar tallada cando o partido morría. E deixar muda á Malata. E o que tiña que pasar, pasou.
Que lle aconteceu ao Racing no segundo tempo? A baixada de tensión foi notábel. Demasiada confianza. Conservadurismo. Defender, xogar polo medio sen conviccións e a tirar de individualidades. Pero éstas últimas, aínda por riba, non apareceron. Joselu viuse contaxiado pola apatía do equipo de seis a sete menos cuarto. Houbo de re-situarse até case o lateral esquerdo, e logo na zona central para regresar ao extremo. Juan Antonio non apareceu en todo o serán. Enviábanlle balóns para rematar á liña de tres cuartos. A ver... Diego Seoane intentou un par de veces desdobrarse pero non andivo fino. A entrada de Marcos nada aportou. 
O Racing non estivo polo labor de invadir o campo forasteiro. Saeu durmido no segundo tempo e non despertou até o asubío final. Un sinal de como xogou vémolo nos córners. Cando o Alondras botaba un, todo o Racing se metía na área a defender. Ninguén se colocaba fóra, agardando un rexeite para montar unha contra. O Alondras cómodo. claro. Se había despexe recuperaba balón. Pola súa banda, cando o córner era tirado polos nosos, os visitantes sempre tiñan dous homes no medio do campo. Cuestión de criterios e mentalidades.
Máis sinais. E evidencias. Poñerse a facer paredes diante da área propia no canto de abrir o campo, buscar o pase axeitado, fuxir do tráfico. Facer un fútbol máis amplo, con incorporacións. Case non miramos cousas desas na Malata esta tarde. Houbo escaso atrevemento. Xogamos case sempre por onde máis rivais había. E a tarde non estaba para flores.
No segundo tempo o Racing foi unha sopa fría coa culler sen mover. Única obsesión: defender. Por momentos A Malata era O Morrazo. O Alondras tamén sufriu unha metamorfose tras o recreo. No primeiro tempo asumiu que tiña que defender. Case non inquedou a Diego Rivas. Mais no segundo acto empuxou a un Racing anódino cara atrás, tivo moitísimo tempo a pelota e mesmo creou perigo. Mandou en moitos momentos. Foi máis forte en certos intres. Roubou. Correu máis. Dominou os espazos. Un bo equipo o cangués, que traballou en silencio por non marchar de baleiro. Mentras, o Racing traballou pouco. Os clásicos dirían que houbo un tempo para cada equipo. No primeiro o Racing dominou, tivo ocasións e marcou un gol. No segundo o Alondras dominou, tivo ocasións e marcou un gol.
Se o Racing non xoga ao ataque na casa apaga e ímonos. Desta volta nin impuxo un fútbol control, nin defendeu fabulosamente nin tivo contragolpe apenas. Cando tirou a porta puxo en apuros a Nucho. Pero tirou pouco. As "estrelas" só apareceron... cando anoiteceu. Mais non no partido. E o xogo colectivo foi de máis a menos. Claramente. 
O mellor, dezasete xornadas sen perder e liderado conservado, aínda que agora compartido. O peor, a megafonía, como sempre. Pregunto: Non hai alguén a quen o Racing lle deixe colaborar que teña coñecementos en electrónica ou en sonido para facer que se poda escoitar en todo o estadio?
A vindeira xornada na Coruña, máis.

domingo, 10 de febreiro de 2019

O RACING LÉVASE O TESOURO DA ILLA

O Marcador de FERROL É RACING.

O Racing de Ferrol defende con autoridade o seu liderado. O Bergantiños segue a dous puntos, a UD Ourense perdeu inopinadamente en Lugo e veuse alcanzada polo Compostela, e o Barco segue durmido dende decembro. Importante será chegar ao super-marzo con vantaxes suficientes ante os rivais directos para vivir a primavera con recendos.
A da Illa de Arousa foi unha vitoria de paciencia, de espera, de construción. Empezou moi ben o Céltiga, crecido e motivado coa visita dos verdes, adiantándose e mesmo dando problemas a retagarda ferrolá. Pero neste choque insular os buscadores de tesouros apareceron cando máis se necesitaban. Mandaron o talento, o acerto e o oficio. Pablo Rey dispara primeiro e pregunta despois. O golazo que marcou lle vale para poñerse a seis do récord histórico absoluto da galaxia verde que ostenta Pazolo. Pero esta tarde serviu para demostrar reacción con serenidade. O balón do loiro capitán entrou con arte, con selo de garantía, alí onde pau e trabe se tocan. 
Logo, mediado o segundo tempo, a parella atacante coa que Emilio Larraz quixo presentar un Racing con artillería, Joselu e Juan Antonio, traduciron en goles o acoso e derroubo progresivo ao que foi sometido o Céltiga, de xeito especial nos últimos vinte minutos. O de Palmeira non mollaba dende o triunfo ante o Barco. E fíxoo por partida dobre na Illa.

Un momento do Céltiga-Racing xogado esta tarde na Illa de Arousa. (foto: @FCCeltiga)

O Racing fora de menos a máis na procura dese cofre de tres puntos agachado na fermosa illa arousá. Con mapa e sen papagaio no ombreiro. Con Javi Rey como extremo dereito en detrimento de Adrián e Pau Bosch de asistente de Pablo Rey alí onde o mar non se pode concibir (por máis que estaba a escasos metros). Fer Beltrán dáballe luxo ao banco. O Racing acomodouse a carón dos cantís isleños a un 4-4-2 hiper clásico que ganou posesións e avisaba a nivel individual pero sen moito barullo para os defenders branco-vermellos, que o deron todo pola patria mentras tiveron forzas.
A inferioridade numérica na que incorreu o Céltiga ao ver o segundo cartón Emilio no 62' axudou a desgastar animicamente a un cadro que no segundo tempo acusou o esforzo do primeiro. O Racing resultou entón un tanque "Sherman". Avanzando con xerundio, comendo terreo, tendo a pelota e poñendo cancelas aos de casa. Só con remate a balón parado, máis que con pratos combinados. Pero cando Joselu desfixo as táboas a balanza empezou a desnivelarse. O soño arousán foise esvaecendo. E a lóxica chamaba á porta. O líder terminou exercendo de tal para pechar a mini-maratón por Galicia que en tres semanas o levou a Ourense, Lugo e A Illa de Arousa.

domingo, 3 de febreiro de 2019

CURTA VITORIA DUN RACING DE OFICIO

O Marcador de FERROL É RACING.

Momento do gol de Pablo Rey, dende o punto de penalti. (captura: www.crtvg.es)

O Racing de Ferrol non se perdeu na néboa nin tremeu co frío continental lucense este mediodía. No Ángel Carro, campo que coas sucesivas reformas cada vez semella máis un campo con feitura inglesa, os de Emilio Larraz foron todo practicidade e moito oficio. Guión sen improvisacións. Matinal sen vermú. Rival motivado e con dotes de talento, como se ten que supoñer nun dependente. Puido ser máis cómoda a renda nosa, porque houbo ocasións descomunais como a de Joselu e balóns aos paus enviados por Pablo Rey e Sanmartín (espectacular o ferrolán lanzando á cruceta). Iso si, o Lugo B (que algúns seguen chamando Polvorín pese a que iso eran tempos) resultou un equipo con moita vontade, e mesmo perigoso episodicamente. Pero os de José Durán pecaron de inexperiencia en determinados momentos e, na película do partido, foron de máis a menos. Sentoulles mal o gol e quedar cun home menos. E o os racinguistas, pacientes, ás veces un chisco rácanos, sen ganas de arriscar máis do necesario, acabaron estandarizando un fútbol-control cómodo nun campo ancho como o da Cidade das Murallas. Non pechar o partido cun segundo tanto alimentou a incertidume até o remate.  Pero nin o Lugo B foi quen de crear excesivo perigo nin o Racing expoñía moito en ataque. O equipo ferrolán ganou a base de converter o centro do campo nunha rede defensiva. Os exteriores entraron pouco. As paredes construtivas, a media distancia pero sen gran conclusión. Ataques difuminados. Os balóns ao desmarque, contados. Joselu aínda non está ao 100%. É un feito. Disparos escasos, pero razoabelmente perigosos. Gol de Pablo Rey para restar a Pazolo. Leva tres dende os once metros esta campaña.
O dominio verde, cando se daba, foi sempre como unha rítmica dos Black Sabbath. Lenta, pesada, pero segura. Xestión do xogo sen burocracia. Tocamentos. Debuxos en campo grande para esgotar ao rival. Sen brillanteces. E sen erros. Fronte a todo iso, que non resultaba aburrido, as ganas dos raparigos branco-vermellos non atoparon moitas concesións defensivas dun Racing centrado.
Estreouse o lerezano Javi Rey, chegado do UCAM. Necesitamos miralo máis aínda que a súa traxectoria é de garantías. Pode aportar visibilidade a un centro do campo que será clave para construír resultados (que é do que se trata) e culminar un campionato.
Por outra banda, récord histórico dentro desta cuarta categoría para os nosos. Quince xornadas xa sen perder, algo sen precedentes. E se non encaixan na Illa de Arousa serían dez cun só tanto recibido, algo que só pasou dúas veces antes neste mesmo nivel ligueiro. Estatísticas á marxe, o importante era retomar o camiño vitorioso e defender o liderado. Un partido máis, un partido menos.

domingo, 27 de xaneiro de 2019

RESISTEN ARRIBA

O Marcador de FERROL É RACING.

O Racing de Ferrol segue líder. O Bergantiños anda perdido ultimamente e agora podemos laiar polos puntos que deixamos marchar ante Somozas e Ourense CF. Pero a liga é iso. Xogar. E quen xoga pode ganar ou perder. Mesmo pode ter que conformarse cun empate que, como nesta xornada, non soubo a pouco. Tendo en conta o momento da temporada, que non é o mellor, non nos podemos queixar.
O empate en O Couto sabe ben. Adiantarse con dez no campo sempre ten mérito aínda que sexas o líder. Todos din que a expulsión de Juan Antonio foi excesiva. Pero non perdamos enerxías nin tempo en elucubracións sobre a calidade arbitral da categoría. Este ano só un pensamento. Ascender. E un camiño: goles e puntos. Catorce xornadas invictos. Menos fútbol, máis dificultades. Esforzos acumulados para un grupo pequeno. E o que nos queda de aquí a maio. O Racing ten que centrarse noutras cousas agora. Retomar o camiño das vitorias. O Luguiño agarda. Avivar a capacidade goleadora. Nos últimos tres compromisos, só dous goles. Non hai alerta laranxa pero hai que volver a bicar redes con asiduidade.  E hai que agardar polas fichaxes que cheguen estes días. Unha, dúas, tres ou as que sexan. Vivindo como vive a sinfonía verde un momento moderato o prioritario é atopar un novo impulso para chegar ás xornadas de alta montaña, aló por marzo, fortes e dichosos.
No choque sabatino na cidade das Burgas Diego Rivas veu concluída a súa fazaña particular. Foron nada menos que 769 minutos seguidos sen recibir goles. Quedará nos anais. O tanto dos pontinos foi unha acometida vigorosa polo lado de Diego Seoane, escalando ao pau curto para acabar metendo a auga na nosa cociña por medio do caboverdiano Rely Cabral. Máis acerto do ataque branco que desatino ferrolán houbo na acción. O Ourense deu que falar no segundo acto, ante un Racing máis numantino que romano.
Ilusionante o concurso de Fer Beltrán. Recén chegado de Coruxo, o do Saviñao nacido en Ferrol enviaba á rede un balón exquisitamente tratado polos racinguistas a base de paredes de groso calibre. Veremos a súa aportación. En O Couto foi positiva.
Por último, é bonita a sintonía entre Racing e Ourense CF a nivel de clubs e de afeccionados. Deportividade, valores e admiración mutuos. O fútbol é mellor así. No club ourensán desexan que os verdes estean outra volta na Segunda B a vindeira temporada. Nós desexamos que O Couto volva a ser escenario de choques como os de antes, como os de sempre, en categorías superiores, entre ferroláns e ourensáns. Porque na historia do Racing queremos que siga estando ese campo histórico.

domingo, 20 de xaneiro de 2019

UN BO SOMOZAS BAIXA OS FUMES A UN RACING DIFUSO

O Marcador de FERROL É RACING.

Pois merecido. Así foi o empate chupado polo Somozas do ex técnico verde Manolo García esta tarde no parque do rego Sardina. O equipo branco-verde está en racha e en A Malata xogou coas súas armas ben engraxadas e sen complexo algún. O Racing de Ferrol, pola contra, careceu neste partido de identidade, de fútbol con selo. Foi moi previsíbel, afogou na presión e na anticipación visitantes e non tivo nunca ideas verdadeiramente claras. 

O equipo ferrolán foi de máis a menos neste encontro. A súa posesión inicial con ocasionais tiros a porta sen moito veleno non meteu excesivo medo a un Somozas moi seguro do que tiña que facer. Sufrir con xeito e batallar sen tregua. Darlle balón e campo aos de Emilio Larraz pero non espazos de construción nin remate. O labor global defensivo do cadro de Manolo foi excepcional en todos os aspectos. Un impecábel traballo colectivo que lle deu o froito buscado.
O Racing, máis aló de non ser quen de marcar porque pouco fixo para tal empresa, non foi fiábel en ningunha faceta. Desta volta non. O seu guión, as súas escenas, lembraron moito aos comezos da liga (e xa miramos capítulos pilotos ante o Ribadumia). O equipo estivo incómodo no céspede, con desaxustes constantes que o ritmo imposto polo Somozas provocaba. O Racing tardaba, decidía mal e contrariábase cos seus infortunios. O rival bufaba e seguía ao seu. Os nosos estiveron un chisco desconcentrados. E corréronse riscos. Nese repertorio, o inefábel Garrido recuperou vellos temas da súa discografía. Defender sempre con risco, mover a pelota sempre con lentitude e sacala sempre ao chou. 
O esforzo do Somozas fabricaba ocasionais premios á contra. E a escuadra de Santiago Seré revelouse atrevida, cun Juan Martínez imperial e un Álex Díaz perigosísimo polo lado dereito. Esa empresa, visíbel en momentos do 2º tempo nos que se xuntaban a fame coas ganas de comer nos nosos, só se encontrou cun sólido Diego Rivas, que xa suma 696 minutos sen recibir goles. 

Foi un partido de pin-ball o verificado esta fría tarde en Ferrol. Non resultou aburrido. Pero foi o agardado. Os Racing-Somozas son case sempre así. Nesa partida de máquina de petacos o equipo de Manolo fixo bola extra. Sacou tallada aos barullos. Aos rexeites. Aos despexes. Corría máis cando correspondía. Quería guerrear. E o Racing estaba mesto. Mellores os de Larraz no primeiro tempo e mellores os de García no segundo. Sen grandes méritos para ganaren. Pero se nos quedamos co período final, no que se adoitan resolver os partidos, houbo máis perigo para a porta local que para a visitante. O Somozas non se andivo con papeleo cando saltaba ao contraataque. E o Racing nin tirou nin tivo remate.

Equipo sacrificado, físico, o Somozas exprimiu a marxe de manobra que un árbitro co criterio torcido, Iglesias Melón, lle permitiu. Con obstrucións, empurróns, roces varios, fútbol soterrá e disputas épicas saldadas finalmente con patadóns falsamente desorientados ou despexes con poderío. Ese magma de fútbol replicante, pugnaz, tolerado, con código xenético defensivo, resistente foi deixando ao Racing atoado. Cos seus argumentos secos como un Martini Bianco

O Somozas estaba máis e mellor nos espazos. Multiplicábase. O Racing mandou case sempre pero non tivo frescura. Por fóra Adrián Armental atopou sempre un muro e Marcos non tivo a súa tarde. O de Ortigueira intentou penetrar sempre por unha selva chea de perigos. Intentámolo polo medio e a cousa foi, simplemente, imposíbel. Aos verdes sobráballes un pase e faltáballes colocación e remate. Os balóns mortos eran sempre do Somozas. As liñas estaban case sempre con distancias inadecuadas. Ben Joel recuperando e axudando. Ben Pau Bosch como garda urbano na media pero sen o talonario de multas. Ben o reaparecido Joselu cando entrou e barnizou con pingas de calidade a  confusa batalla contra o reloxo para rachar as táboas. Pablo Rey quizais xogou demasiado adiantado e non estivo atinado lanzando a porta. Juan Antonio pasou todo o partido buscando o balón e laiándose de choques cos rivais.

Miramos a un Racing que pide a berros reforzos. E chegarán, e xa está confirmado. Un Racing que precisa tomar un novo impulso para afrontar esta segunda volta dende o máis alto. Porque aí seguimos, grazas ao picazo do Bergantiños. 
Que este empate sirva para saber onde e como estamos. O camiño cara ao título é longo e continúa.

domingo, 13 de xaneiro de 2019

REIS DO INVERNO

O Marcador de FERROL É RACING.

Empezou o 2019 futbolisticamente falando para o Racing de Ferrol coas mesmas sensacións que terminou o 2018. Ganando. Progresando. E dende hoxe liderando. Así foi a primeira volta. Un claro ir de menos a máis superando problemas e dificultades iniciais pero sen deixar excesivas cousas ao chou. Tanto Carlos Mouriz dende a dirección deportiva como Emilio Larraz á fronte do banco demostraron paciencia e "táboas". O equipo ganou confianza e repartiuna entre os afeccionados. Os resultados empezaron a ir como é debido logo do "suceso" de Paiosaco e aí seguen: oito triunfos consecutivos, os seis últimos sen recibir gol (Diego Rivas suma co desta tarde 606 minutos coa porta a cero); e doce xornadas seguidas sen perder. O Racing ganou 32 dos últimos 36 puntos disputados. Nin o Bergan podía aguantar este tren moito máis tempo.
Os racinguistas, que non fixeron un gran partido ante o Ribadumia (rival que visitaba A Malata por vez primeira), acaban a primeira volta no máis alto da táboa grazas ao picazo do Bergantiños no sur de Galicia. Se nos poñemos chulos podemos dicir que restan vinte e un partidos para regresar á Segunda B. Dezanove de liga regular e dous, só dous, da fase polo ascenso que todos agardamos sexa a través da eliminatoria de campións. Mais non hai necesidade de arrogancias. NIn son convenientes. Non van connosco. Queda moito que remar. Moito. Dixéramos aquí que era cuestión de tempo alcanzar o liderado. Pero agora ben o máis difícil. Mantelo. E demostrar, de aquí a maio, que é merecido.
Afrontar o partido da apertura do Ano do Centenario (o 5 de outubro vindeiro -o 5, non o 20- o Racing terá un século de vida -de vida completa, sen engadidos lendarios- aínda que algúns seguen concedendo credibilidade a versións máis que superadas, como a vicentoniana; é o que ten non ler libros...) con apenas doce xogadores non era de recibo. O problema de ter un plantel chato vai rematar cedo, en cuestión de días, senón de horas. Pero todos desexamos que os canteiráns -hoxe foron convocados catro, debutando co primeiro equipo Jorge Tomé- entren por méritos, e non porque haxa que cubrir ocos. Mérito, e moito, teñen rapaces como os que van sendo chamados esta temporada por Larraz. Por citar só a un, Sergio Otero, teño claro dende hai tempo que poderia actuar na 3ª División con certa asiduidade sen desentonar demasiado. Mais o Racing precisa reforzos para que non acuse saturacións nin imprevistos no que resta de liga. Porque non podemos fallar. 
Dicía que o partido contra os negro-amarelos de Ribadumia non foi excesivamente bo. Foi un partido bastante vivo, mesmo disputado. Pero miramos a un Racing que tiña tantas ganas de ganar, agradar e mesmo terminar a 1ª volta de líder que fallou no esencial. Tirou pouco e mal a porta. Abusou do confort das posesións sen resolución. Non puido esgotar a un decente rival que se mantivo enteiro até o remate. E cando acertamos nos pases con decisión e rapidez tivemos a puntería desviada. Pablo Rey (que estivo como a tarde, tirando a gris grafito) ou Juan Antonio contaron con ocasións espectaculares para facer que o resultado non fose tan pírrico. Pero as pelotas marcharon lambendo a base dos paus ou petaron nelas.
O sevillano, autor do gol tras excelente servizo de Marcos Álvarez, vai cultivando a condición de referente neste equipo en ausencia de Joselu. Necesita, iso si, que lle dean bos pases. E con frecuencia. Os compañeiros, á veces, prefiren recrearse en tocar e tocar e desperdícianse situacións que poderian ser letais para o rival. Cando toca tirar a porta hai que facelo. Sen temor á escuridade. Canto o mellor é buscar centros, non hai que deixalo de lado. Centramos e veremos que pasa. 
Vemos a un Racing moi metido, motivado, pero precipitado. Seguro de si mesmo, iso si, pero por momentos un chisco escopetado. Case nunca pasou apuros, pese a que o Ribadumia ten algunhas individualidades con brillo. Encantáronme Moncho e Aarón. Excelente visión de xogo, mobilidade notábel e sensación de perigo cando interviñan.
Mellor o Racing no primeiro tempo. Dominador, nada pasivo e moi paciente na procura do gol. Probou métodos mentras o Ribadumia aguantaba o tipo e se amosaba inocente nos pases cara adiante. Mesmo impotente. No segundo período o cadro ferrolán foi afeando (un pouco) a súa imaxe global, meténdose por sendeiros e corredoiras ignotas no canto de buscar o reverendísimo segundo gol que matase o partido. Entrou por onde máis tráfico había, os pases eran desmedidos (ou moi fortes ou moi leves), os barullos abondaron, a liña media acabou fusionada coa retagarda sen practicar marcaxes (aínda que o traballo de Joel foi positivo) e o Ribadumia medrou e explorou opcións. Só nos últimos quince minutos puido existir o temor a que perigase a vitoria. O traballo do multiusos Pau Bosch volveu a ser cum laude. Eses temores de grada se disipaban cando os nosos atacaban con velocidade e pases reais. Pero, nesta ocasión, non houbo fortuna ante a porta de Ángel Expósito. Menos mal que Diego Rivas salvou continxencias. Non se debeu acabar pedindo a hora. Pero o Ribadumia foi un contrincante serio e os partidos son como son. O triunfo é xusto. E os puntos seguen sabendo de fábula.
A vindeira fin de semana outra volta en A Malata, contra o Somozas. Quizais para entón o plantel xa teña novidades.

domingo, 23 de decembro de 2018

22 DE DECEMBRO, PUM, PUM, PUM

O Marcador de FERROL É RACING.

Un rei e unha torre de ouro. Pablo de Ferrol e Juan Antonio de Sevilla. Rei do Racing de Ferrol pola graza dos seus goles, o loiro capitán entrou na historia esmeralda con licenza de obra cum laude a iso das cinco e media da tarde de onte. E foi na penumbra de Mourence, entre fragas suntuarias, nas aforas de Vilalba a do Castelo e os capóns. Co seu tanto S.M. Rey-Cabarcos alcanzou o nº 90, todos na liga, e colócase no primeiro lugar na historia do club nesa faceta. Ninguén marcou máis na Liga española coa Verde ca el.
A Torre de Ouro é a de Sevilla. Y olé. Juan Antonio volveu a marcar para abrir e cerrar a festa racinguista en A Magdalena. O primeiro coa caña posta e o segundo dende a súa casa, pillando adiantado a Javi Pita. Festa. Porque iso foi o de Vilalba. Un trámite (disputado, ante un rival que merece mellor posición na clasificación) para seguir recolectado puntos e goles. Máis e máis. O Racing, campión futuríbel, líder virtual, aspirante ao Premio Planeta, está nun plan de solvencia, de solidez granítica e de letalidade que asusta. As series ensánchanse. Xa coñecen a canción, actualizada: sete vitorias seguidas, once xornadas sen perder, cinco sen encaixar, dez marcando. E o reintegro? Diego Rivas, que suma 516 minutos sen recibir goles. O picazo do Bergantiños en As Eiroas ante o Boiro permite soplarlle na caluga ao cadro carballés. Agora si. O Racing xa poderia ser líder na vindeira xornada se vence ao Ribadumia e o Bergan non pasa do empate en Cangas. Campións de inverno. Non estaria mal.
Mais non hai presa. O equipo de Larraz ten un claro camiño trazado dende hai tempo. Claro, sereno e sen estridencia. Paciente. Sen fotofobia. Pero nítido. Conduce por bo asfalto, con boa pintura e catadióptricos moi rechamantes. Para non saír da calzada. E faino con apenas catorce tíos, sacándolle rapaces ao xuvenil para completar listas. Mérito ten, por moito que o Racing sexa o Paris Saint-Germain da Terceira galega e tal. Mancaduras e plantel curto obrigan. Ata que punto convocar a canteiráns pola falla de plantel prexudica ao cadro xuvenil (onte goleado en Santander na División de Honra) é un tema que lles deixo a vostedes. Non creo que sexa para tanto porque o grupo que dirixen Manel e Fran Caínzos ten nivel abondo para manter a categoría, pero, ao mellor, de teren xogado Sergio Otero e Luis fronte ao Atlético Perines outro galo cantaría no Vicente Miera. Ou non, claro. 
Joselu tardará un chisco en volver (a ver se o mes que vén está listo) e Carlos García quizais non regrese nesta liga. É unha mágoa o do hispalense porque estaba collendo o punto bo nas últimas xornadas. Esperamos ansiosos por eses reforzos que axuden, que engrandezan. Que veñan para xogar, non para facer unha pretemporada ou acabar cedidos ao Santa Catalina de Armada. Que amplíen armario e armamento. Porque sermos campións é o obxectivo. Pero non é doado. E ascender tampouco.
En Vilalba o Racing entrou como unha moto. Aos tres minutos levaba xa tres córners. Había ganas de marchar de vacacións non sen antes ganar. Porén, o repregamento dos locais marcaba o ritmo e a axenda ferroláns, que eran máis ben lentos. A Magdalena é un bo campo, e o cadro local soubo empequenecérllelo aos de Larraz. Moi traballadores Joel no medio e Adrián Armental no extremo dereito. Pablo Rey tirando a porta todo o que se poñía por diante. No 35' foi sensacional o lanzamento de falta que Javi Pita "cuspiu" con acerto. Que pegada, que dirección, que colocación!
O Racing chairego asomaba con contragolpes valentes pero sen solucións integrais. Estaba preparado para frear ao seu homónimo. O Racing ferrolán non conseguía impoñerse polo criminal (deixou a intensidade para os arrinques dos tempos), Juan Antonio non aparecía e o Racing de Vilalba mantiña o tipo co bo facer dos irmáns Varela, Make ou o alavés Santi.
O guión do partido, así a todo, quedara escrito moi cedo. Mando en praza ferrolán, sen asoballar, e defensiva vilalbesa, sen extremismo, á espera de despistes ou contras atinadas. Pero non tardou en terminar a ilusión local. Aos cinco minutos da reanudación un córner tirado por Pablo Rey é cabeceado por Catú, e o rexeite de Javi Pita é pescado con palangre por Juan Antonio, estirando una perna para aloxar a pelota na rede. 
O segundo gol foi de penalti. Un chisco protestado. Heterodoxo. Muíña quería despexar o balón e Pau Bosch disparar a porta. Normal. O choque de trens acabou co catalán na herba, tal foi a forza imprimida na empresa polo defensor verde-vermello. Pablo Rey, con serenidade, introduciu o balón no fondo da rede enganando a Javi Pita. E entraba na historia. E o partido esmorecía. E con el o fútbol deste 2018 que tamén esmorece.