mércores, 13 de agosto de 2014

O RACING DE FERROL CUMPRE AXENDA E GUIÓN NA COPA DEPUTACIÓN

Será a novena final que o Racing de Ferrol dispute dentro da Copa Deputación Provincial da Coruña, torneo non oficial que organiza dende 1988 a institución que lle dá nome. Os verdes venceron na noite do martes ao Soneira S.D. en Vimianzo por un 0 a 3 que non deixou dúbidas da diferenza de categoría existente entre ámbolos equipos. Pero tampouco as deixou nos obxectivos do Racing nesta competición estival: ganala e cobrala. O conxunto de Manolo García superou sen excesivas dificultades a Narón B. Piñeiros, S.D. Compostela, C.D. Boiro e o citado Soneira S.D.; e será a U.D. Somozas o derradeiro obstáculo para quedar co trofeo e o premio crematístico en disputa.
Os de Míchel Alonso deixaron fora ao Cen. Cult. D. Cerceda e queda así garantida unha final ferrolá entre dous cadros en forma.
O Racing marcou trece goles nos catro partidos xogados até o momento na Copa Deputación, encaixando tan só un, feito polo C.D. Boiro. Dalmau con catro, Pablo Rey co tres, Joselu con dous e Álvaro, Thiaguinho (o de Niterói por fin empeza a xogar), Forte e Brais cun tanto, repártense o menú anotador nun equipo que demostra implicación, ofrece calidade, garante progresión, ensina recursos... e ilusiona. Manolo proba atrás, ensaia variantes nas situacións de dificultade, consolida un estilo, saca zume á variedade de que dispón e dosifica. E os futbolistas (canteiráns incluídos, a min estanme gostando especialmente nesta pretemporada Carlos López e Álvaro Rey) aproveitan perfectamente as oportunidades para, paso a paso, convencer e convencerse do bo equipo que está chamado a ser na sesión 2014/15 cada vez máis próxima.
Un equipo, máis ben un plantel, no que só resta xa por saber o central que pechará o labor de confección do verán 2014. Fálase, e non de agora, de Gonzalo de la Fuente (do Real Avilés C.F.) e ultimamente de Fran Pérez (que acaba de romper co Cádiz C.F.), pero o burgalés é a prioridade e semella un acerto que así sexa polas súas características e polo que precisa o Racing. Só queda iso por despexar, porque por fin veu Galván (aleluia!), o gardameta anunciado hai semanas como cesión do C.D. Tenerife; porque o canadiano Piette non estará no Racing 2014/15 a pesar das boísimas sensacións deixadas (e é que a calidade hai que pagala, pero correr riscos -se os houbese- págase tamén); e porque Jonathan Aspas é xa xogador verde pero aínda á espera da licenza federativa, sen a cal non pode actuar no torneo provincial de acordo coas bases do mesmo. Terana xa para a final do venres n`A Pobra do Caramiñal? Todo dependerá do peso que o mes de agosto teña na capacidade de traballo dos federativos... 

REPASO Á HISTORIA 
O Racing confrontou este verán por vez primeira co Narón e co Soneira -tamén será a primeira vez que o faga co Somozas, o venres- dentro da competición provincial. O equipo de Pardiñas será o rival verde nº 30 dende que o domingo 31 de xullo de 1988 os ferroláns disputaran o seu primeiro encontro no entón recén nacido torneo ante o Sporting Sada, no campo cedeirés d`O Beco, ganando por 4 a 0. O Racing de Jesús Tartilán superaba despois ao Puebla F.C. (equipo da localidade que será escenario da finalísima da presente edición, A Pobra do Caramiñal) e ao Fabril Deportivo, colocándose nunha final ante o Deportivo La Coruña que se levaron, o 21 de agosto de 1988 en Riazor, os branco-azuis por un claro 4 a 0.
En 1991 repetiuse final entre esmeraldas e herculinos. O Racing do recentemente finado Alfredo Pascual eliminara a Órdenes, Endesa-As Pontes e Boiro. E no choque final de Riazor, xogado o 25 de abril de 1991, obtivo venganza superando ao Deportivo La Coruña por 0 a 2. Era a primeira Copa Deputación para as vitrinas racinguistas.
En 1992 o Racing de Fernando Vázquez fixo a súa terceira final. O percorrido foi máis curto pero non por iso doado. Eliminou sen problemas ao Órdenes e na semifinal xogada no campo de Sinde (n`O Val) rexistrouse un 4 a 4 ante o Fabril Deportivo resolto por penaltis a prol dos ferroláns. Pero na final, o 29 de agosto de 1992,o empate sen goles ante o Betanzos no campo do propio equipo betanceiro, a lotería dos lanzamentos dende os once metros tocoulle aos vermellos.
Parecido desenlace produciuse na edición de 1993. O Racing accedeu directamente dende as semifinais, dobregando ao Endesa As Pontes n`O Poboado. E na final, disputada por segundo ano consecutivo no García Hermanos betanceiro, o empate a cero, desta volta fronte ao Órdenes, propiciou mellor sorte para os de Fernando Vázquez na quenda de penaltis. Era a segunda Copa Deputación que se levaba o Racing de Ferrol.
Houbo que agardar até 1997 para atopar ao equipo verde noutra final do torneo institucional. Na primeira rolda o Racing, adestrado por José Pérez García, desfíxose do santiagués Atlético Fátima (anos máis tarde trocaría o seu nome polo de Ciudad de Santiago e pouco despois desaparecería) no Manuel Paz, no barrio compostelán d`O Castiñeiriño. Logo deixou fóra ao Sporting Sada por penaltis, tras un 3 a 3 final, e ao Atlético Arteixo tamén por penaltis tras facer táboas sen goles ao termo dos 90 minutos. A final do torneo celebrouse n`A Malata por primeira vez na historia o 3 de setembro de 1997 e o Deportivo La Coruña B (antigo Fabril Deportivo) obtivo xustamente a vitoria por 0 a 2.
En 1999 e en 2000 o Racing volveu a disputar a final. Na primeira desas edicións deixou polo camiño ao Taragoña rianxeiro, ao Atlético Arteixo e ao desaparecido Compostela B (nos seus tempos, Vista Alegre). E foi no campo cercedense d`O Roxo, o 22 de agosto de 1999, onde o Racing de José Ramón Arteche e máis o Órdenes se viron as facianas por segunda vez nunha final provincial e, como en 1993, levouse o trofeo (por terceira vez xa) o equipo verde dende os once metros tras un anódino empate a cero nos 90 minutos regulamentarios.
Canto á derradeira edición do pasado século, o Racing (recén ascendido á 2ª División) superou a Bergantiños, O Val e Feiraco Negreira antes de xogar a final ante o Betanzos no García Hermanos, ganada polos verdes, agora preparados por Luis César, por 1 a 3 o 26 de agosto de 2000. Era a cuarta Copa para o peto.
A última final, antes da do venres que vén, que xogou o Racing de Ferrol aconteceu na edición de 2007. Os verdes non tiveron rivais doados, pois houberon de eliminar a Cerceda e Deportivo La Coruña B en cuartos e semifinais respectivamente. Na final, xogada n`A Malata o 19 de agosto de 2007, o cadro ferrolán, dirixido por Juan Veiga, desfacíase cun cinguido 3 a 2 do As Pontes (ex-Endesa), para agregar a quinta Copa Deputación ás vitrinas.

Para satisfacer a sede das curiosidades, dicir que os rivais cos cales disputou o Racing máis partidos neste torneo non oficial son Deportivo La Coruña B e Cerceda (cinco con cada un), sendo o primeiro deles ao que máis tantos se lle marcaron (dez). Até o triunfo ante o Soneira os 55 partidos xogados repártense así:





Ningún comentario:

Publicar un comentario