mércores, 2 de setembro de 2015

ADEUS A DELFÍN ÁLVAREZ, TÉCNICO RACINGUISTA EN 1980/81

Delfín Álvarez.

O pasado sábado 29 de agosto falecía en Madrid Delfín Álvarez Yáñez, adestrador do Racing de Ferrol na temporada 1980/81. Nado en Ramirás (Ourense) o 14 de setembro de 1936, tivo unha rica traxectoria tanto na súa faceta de futbolista como na posterior técnica, pois foi parte do lendario Pontevedra de Primeira División nos anos sesenta do pasado século (no banco de Pasarón retirouse en 2000/01) e tamén actuou na máxima categoría no Granada, no Español de Barcelona e no Real Murcia. E xa dende os bancos dirixiu, a parte do Racing e o citado Pontevedra, ao Celta na máxima categoría (en 1989/90) e a conxuntos como os desaparecidos C.D. Logroñés e Atlético Marbella, Elche ou Racing de Santander na "división de prata". 
O preludio da estrea na Primeira División de Delfín Álvarez tivera á Ag. D. Plus Ultra madrileña (disolta en 1972) como escenario tras militar no venezolano Banco Obrero de Caracas. Dende o Plus Ultra deu o salto á división de honra coa camiseta branco-vermella do Granada na campaña 1960/61. Como o Plus Ultra tiña convenios co Real Madrid, Álvarez chegara a disputar amigábeis co equipo merengue. Por lembrar só un deles, rescatamos o que o 20 de xullo de 1956 enfrontou aos madridistas co Vasco de Gama brasileiro en Caracas, entrando o noso ex adestrador no minuto 25 por Zárraga. Naquel Real Madrid estaban figuras como Marquitos, Roque Olsen, Molowny, Di Stéfano, Héctor Rial, Paco Gento, Marsal... e na porta, dous ex racinguistas de luxo: o guipuscoano Juanito Alonso e o nedense Juanito González, que suplía ao vasco mediado o primeiro tempo. Por certo, aquel día impoñíase o equipo de Río de Xaneiro por 2 a 0.

A web oficial do R.C.D. Espanyol fixose eco da morte de Delfín Álvarez, xogador periquito en 1965/66.

Delfín Álvarez foi un máis deses futbolistas e/ou técnicos procedentes da provincia ourensá (machacada tristemente estes días polo terrorismo incendiario forestal) que deixaron pegada a base de traballo e sabedoría no Racing de Ferrol. Que dicir de xente como o verinés Ángel Cabido, Luis Cid Carriega (gran adestrador o allaricense, que non chegou a dirixir o banco do Inferniño, algo que sempre lamentou o racinguismo) ou Luis Rodríguez Vaz, adestrador en varias etapas cun ascenso á Segunda División na súa folla de servizos e outro frustrado aquela tarde de infelice recordación (como diría Cervantes) ante o Beasain... 
Delfín Álvarez foi quen de sacarlle ao máximo o zume ao plantel de que dispuxo naquel exercicio de 1980/81. A economía racinguista non era boiante, pero había "madeira". O Racing pasaba, iso si, por momentos moi inestábeis nos despachos, pois a presidencia estaba ocupada por Nemesio Quintía Luaces con carácter interino dende setembro de 1979, que fora cando deixara o cargo Jesús Corzo Sierra -que xa ocupara en funcións durante un mes no ano 1976 na transición entre Ramón Sánchez Dopico e Manuel Rico Dopico-, curiosamente tamén ourensán, de Petín, e anos despois mandatario do Deportivo La Coruña; e logo viría o doutor Vicente Bastida de la Calle, que na temporada 1982/83 sería un dos protagonistas do celebérrimo "caso Camilo". Con dicir que entre 1978 e 1983 -cinco anos- houbo seis presidentes e sete mandatos (Rico Dopico, Quintía Luaces, Corzo Sierra, outra volta Quintía Luaces, Bastida de la Calle e, tras ser sancionado éste pola RFEF polo "caso Camilo", Rodeiro Allegue -que só estivo dous días- e Cabido Lorenzo) está dito todo.

Delfín Álvarez tivo sorte dispar na súa longa traxectoria técnica. En Ferrol deixou bo sabor de boca.
 
En medio dese galimatías institucional Delfín Álvarez, con Gerardo Molina como auxiliar, contou cun grupo de futbolistas non exento de talento, tamén moi físico, onde a xuventude imperaba xunto a unha "vella garda" imprescindíbel en todo equipo. Ese Racing dos Jolo, Pereira, Miguelín, os irmáns Pepe e Manolo Collazo, Silvano, Anselmo, o matritense Rafael Rincón Rus, Braulio Méndez Piecho, Ángel Hernández-Sonseca Toledo, Otero, Alfonso, Juan Carlos, etc. foi quen de levarse o Emma Cuervo ribadense ante o Real Oviedo naquel verán de 1980, o do crime dos marqueses de Urquijo; e encadear cinco vitorias seguidas na liga entre as xornadas 4ª e 8ª ante a desaparecida Ag. D. Torrejón, o Langreo, o Zamora, o Deportivo La Coruña e máis a S.D. Huesca para ilusionar aos afeccionados do Manuel Rivera coa posibilidade dunha temporada soada que certificase opcións de retorno (pasara só un ano do descenso á Segunda B) á "división de prata". Con especial emoción lembro o sensacional triunfo en Riazor por 0 a 2, nun choque que actualizou potentemente a longa rivalidade entre branco-azuis e verdes que por eses tempos empezaba a perder fol. Como se fose onte recordo ver ese partido dende o máis alto da antiga (e enorme) Grada Elevada daquel Riazor pre-mundialista sen bancada no fondo norte e pista de atletismo e a paixón tremenda coa que os afeccionados desprazados dende Ferrol viviron, vivimos, o partido e a vitoria. E os enfados, piques e miradas túzaras nos bares e rúas do centro d` A Coruña dos seareiros locais. Cousas así non teñen prezo...

Hoja del Lunes (A Coruña), 20-10-1980. Para a prensa herculina o Racing de Ferrol case sempre ganaba n`A Coruña por mala sorte dos branco-azuis... O cadro de Delfín Álvarez estivo sinxelamente brutal sobre o céspede, damos fe diso, foi moi práctico e acertou coa porta en momentos decisivos para deixar k.o. ao Deportivo La Coruña dos Jorge, Pardo, Ballesta, Alfredo, Traba, os futuros técnicos verdes José Luis Vara e Ramón Piña e os ferroláns Pancho García e Alfonso Castro.

Jolo despexando o balón no Dep. La Coruña-Racing ligueiro de 1980/81.
 
Naquela campaña con Delfín Álvarez tamén estaba o Celta na Segunda B (cun futuro verde, Miguel Ángel Seijo, nas súas ringleiras), no que foi a maior conxunción dos principais clubs galegos nunha categoría do Terceiro Nivel ligueiro en toda a historia. Foi unha "liga de bronce" autenticamente de luxo para a Galicia balompédica. Houbo clásicos e mesmo derbys para dar e ter con Racing, Pontevedra, o desaparecido Compostela -que dirixía o ferrolán José López- e os citados Celta e Deportivo La Coruña, nunha competición na que tamén estiveron equipos como o Tenerife (adestrado por El Coronel José Ramón Lamelo, ex xogador verde), o potente Bilbao Athletic -que nesa época contiña unha canteira que explotaría no primeiro equipo pouco despois con dúas ligas, unha Copa del Rey e unha Supercopa española, por aí andaban os Cedrún, De la Fuente, Bolaños, Mendilibar, Azpiazu, Endica, Urtubi e compañía- ou o Logroñés, que aínda non vivira, iso si, os seus gloriosos momentos na Primeira División, chegados anos máis tarde.
O Racing de Ferrol obtivo unha 11ª posición naquela liga de 1980/81, froito da irregular segunda volta feita, na que o equipo sumou sete derrotas nas derradeiras dez xornadas. Os verdes contabilizaron dezaseis vitorias, seis empates e dezaseis derrotas, marcando corenta e un goles e recibindo corenta. Así a todo, o labor de Delfín Álvarez resultou positivo pero non foi premiado coa continuidade no banco do Inferniño. 
Dende aquí unímonos as condolencias que dende Ourense, Ferrol, Murcia, Santander, Vigo, Elxe, Pontevedra, Xerez de la Frontera, Logroño, Alzira, Madrid, Granada e tantos lugares onde xogou e adestrou lembran e tributan a merecida homenaxe a Delfín Álvarez Yáñez.
Ata sempre, míster.



Ningún comentario:

Publicar un comentario